Saturday 04 de May de 2024

A piscina municipal de Papucín acolle este sábado o “Día do Neno”, con inchables, xogos, maxia, tren turístico e festa da escuma


Pola mañá terá lugar o Campionato Municipal de Pesca Infantil na área recreativa do Río Maruzo (Céltigos)

A piscina municipal de Papucín acollerá este sábado 9 de xullo, a partir das 16:00 horas, a celebración do “Día do Neno”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por oitavo ano consecutivo e na que os rapaces e rapazas poderán xogar tanto cos tradicionais xogos de inchables de terra como con inchables de auga, que adoitan ter moito éxito entre os pequenos.

A entrada é totalmente libre de balde e o Concello de Frades ofrecerá un variado programa de actividades con xogos, obradoiros, festa da escuma, lambonadas e merenda, que correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia para dar a coñecer entre os menores as vantaxes das conservas galegas do mar ao tempo que lles dá aos pequenos a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.

Ademais, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.

Ás 18:00 horas terá lugar unha actuación especial a cargo do mago Dani García, co seu espectáculo “Don Gelati”. Durante uns 50 minutos, o vendedor de xeados Dani García terá que tirar de inxenio e da maxia para superar todo tipo de imprevistos e impedir que os seus xeados se derretan.

Campionato de Pesca

Previamente, a partir das 10:00 horas, a área recreativa do Río Maruzo (Céltigos) acollerá o XIII Campionato Municipal de Pesca Infantil do Concello de Frades, unha actividade dirixida a menores de 16 anos que deberán estar acompañados por un adulto. Para participar só é preciso ir provisto de cana e cebo, xa que a participación é totalmente libre e de balde.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, entregaralles cadansúa medalla a todos os participantes, así como unhas lambonadas. O acto rematará cun pequeno almorzo a base de empanada e bocadillos para repoñer forzas.